Gala XX aniversario, Un sono cumplido

A nova proposta que Queixumes dos pinos trae ós escenarios de toda Europa é unha viaxe por un mundo onírico no que todo é posible, no que a música e a danza nos despegarán de realidade para vivir ‘Un soño’.

Sobre o escenario, unha trintena de bailaríns que presentarán vistosas e variadas coreografías, algunhas delas nunca antes representadas sobre un escenario. coas que a agrupación pretende sorprender e atrapar ó espectador cunha ampla variedade de ritmos e movementos, sempre baixo o trepidante ritmo característico das actuacións de Queixumes dos pinos.



O escenario énchese non só de luces e cores senón de ata cinco vestiarios diferentes e multitude de obxectos que enriquecen a posta en escena, dende apeiros de labranza ata candís ou patelas, que transportarán ós espectadores a outro lugar e outro tempo.



Á vistosidade do visual, hai que sumarlle un traballado apartado sonoro no que Queixumes dos pinos innova coa incorporación non só de voces masculinas e instrumentos como as latas, nunca antes presentes nos seus espectáculos, senón dunha pequena orquestra que dotará á ampla selección de cancións que se interpretan de matices e variacións moi pouco habituais na música tradicional. Como ven sendo habitual na agrupación, ás tradicionais gaitas súmanselle o ritmo das pandeiretas, bombo e tamboril e as melodías do acordeón. Pero, nesta ocasión, a composición sonora complétase con instrumentos modernos.


‘Un soño’ non é só un espectáculo de danza. É unha viaxe ó descoñecido, a un lugar inexplorado no que todo é posible.

Comparte en Twitter